A Área de Deportes organiza para marzo tres roteiros polo río Tambre, a costa de Dexo e o Candán
Dous roteiros polo río Tambre e pola costa de Dexo son as novas propostas da Área de Deportes da USC para a fin de semana do 14 e 15 de marzo. O prazo de inscrición pecharase o próximo mércores 11, cun custe de inscrición de 15 euros para a comunidade universitaria e de 20 euros para persoal alleo.
A ruta proposta polo río Tambre ten un grao medio de desnivel e dificultade nos ao redor de 17 quilómetros que se percorrerán o sábado 14 de marzo. A saída está programada para as 9:00 horas dende a Piscina Universitaria. No caso do roteiro pola costa de Dexo, con similar lonxitude, as persoas que decidan facelo atoparanse cun percorrido de dificultade media e un desnivel baixo. O punto de partida será a Facultade de Veterinaria a partir das 9:00 horas.
Completando a programación para o mes de marzo, a Área de Deportes organiza tamén unha visita ao Candán e ao mosteiro de Aciveiro. Trátase dun percorrido que se realizará o 28 de marzo ao longo de quince quilómetros cun grao de dificultade e desnivel medios. Neste caso, as persoas interesadas dispoñen ata o 25 de marzo para apuntarse, con igual custe de inscrición que os dous anteriores.