Skip to main content

O cine e a economía danse a man no ciclo CinEmpresa 2009

Trátase dunha iniciativa que pretende reflexionar sobre temas de actualidade económica e empresarial a través do visionado de filmes

O cine e a economía danse a man no ciclo CinEmpresa 2009, iniciativa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais que pretende analizar dun xeito interdisciplinar aspectos diversos da actividade económica e a xestión empresarial a través do visionado de películas, tanto de ficción como documentais, que permitan establecer o contexto da aprendizaxe e que servirán de base para a posterior.
A proxección este mércores 11 de Tiempos modernos (1936) de Charles Chaplin traerá a debate como tema de referencia a implantación do maquinismo tailorista nos medios de produción. O visionado comezará ás 18:00 horas no Salón de Graos da Facultade coa presentación do tema e do filme, para logo da súa exhibición desenvolver un debate.
CinEmpresa pretende ofrecer un complemento á docencia tradicional e nace, precisamente, da crenza nun método docente innovador. Así, os argumentos e historias das doce películas seleccionadas para outras tantas sesións, formulan problemas, situacións reais ou conflitos do mundo económico e empresarial.
Os títulos desta segunda edición do ciclo ordénanse ao redor de dous bloques temáticos, ‘Temas actuais de economía e xestión empresarial’ e ‘Emprendemento: unha actitude fronte á vida’. No primeiro atópanse filmes como Los lunes al sol sobre a reestruturación sectorial e o paro; Recursos humanos para analizar o conflito xeracional na xerencia; Wall Street, Babel, Enron, los tipos que estafaron a América ou El pisito, para referirse ao fraude nos mercados financeiros, ao marketing internacional, á manipulación contable e o fraude financeiro ou á crise do mercado inmobiliario.
No bloque dedicado ao emprendemento, o ciclo tratará de profundar na figura do emprendedor, o ‘boom das tecnolóxicas’, a loita pola supervivencia no mundo profesional ou sobre a dimensión humana como factor de éxito empresarial. Será a través da proxección e posterior debate de filmes como Tucker, un hombre y su sueño, Start up.com, Jerry Maguire ou En busca de la felicidad.

The contents of this page were updated on 03.10.2009.