Skip to main content

A Facultade de Filoloxía acolle a Conferencia de Linguas Románicas que organiza a Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea

A Facultade compostelá de Filoloxía está a ser a sede da conferencia ‘Linguas románicas. Tradución, multilingüismo e construción europea’ que organizan a Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea e a representación en España desta institución para tratar do futuro común destas linguas na UE e no mundo.
O reitor Senén Barro acudiu este xoves á sesión inaugural do encontro na que participaron tamén o director xeral de Tradución da Comisión Europea, Karl-Johan Lönnroth; a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López; o presidente do Directorio de Euronews, Philippe Cayla; a directora da Representación da Comisión Europea en Portugal, Margarida Marques; e Carmen Zamorano, da Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea.
Danse cita na conferencia especialistas españois, portugueses, franceses, italianos e romaneses para analizar o papel que desempeñan as linguas románicas na construción europea, o seu valor económico e o peso das novas tecnoloxías no seu desenvolvemento.
Ademais, intervirán como relatores neste importante encontro os profesores da Universidade de Santiago Antón Santamarina e Manuel González, mentres que o decano do centro anfitrión, o profesor Ernesto Gonzalez, será o encargado de pechar as sesións este venres.

The contents of this page were updated on 03.12.2009.