Skip to main content

O recoñecido científico David Townsend visita a Universidade de Santiago

É o responsable da primeira proposta de deseño e construción dun escáner combinado PET/CT

O profesor David W. Townsend, inventor do PET/CT, visitará a USC os vindeiros días 23 e 24 de marzo no marco da colaboración que mantén co Grupo de Investigación en Radiofísica (GIR) que coordina o profesor Faustino Gómez Rodríguez.
Durante a súa estadía, Townsend impartirá dúas conferencias, unha orientada a profesionais e estudantes da área da biomedicina e unha segunda dirixida principalmente a físicos e enxeñeiros. A primeira, o luns 23 ás 13:30 na Aula 1 do CHUS, tratará sobre a imaxe anatómica e funcional e a súa aplicación na clínica, centrándose en PET/CT (siglas en inglés de tomografía por emisión de positróns combinada con tomografía computarizada). Este método de imaxe diagnóstica permite realizar en padecementos oncolóxicos, cardiacos e neurolóxicos a avaliación da anatomía e da actividade metabólica dos órganos afectados.
A segunda das conferencias, o martes 24 na Aula Magna da Facultade de Física ás 12:00 horas, versará sobre as innovacións en instrumentación multimodal (en particular en PET/CT) en imaxe médica.
David TownsendO profesor David W. Townsend, físico de partículas de formación, traballa dende principios dos oitenta en desenvolvemento de instrumentación PET, sendo o investigador principal na primeira proposta para deseñar e construír un escáner combinado PET/CT, nomeado invento médico máis importante do ano 2000 pola revista TIME.
En recoñecemento ao seu traballo en PET/CT, o doutor Townsend recibiu distintas mencións internacionais como a ‘2004 Distinguished Clinical Scientist Award’ da Academia de Imaxe Molecular de EE.UU. ou o ‘2008 Nuclear Medicine Pioneer Award’ da Sociedade de Medicina Nuclear de Austria. En 2006 foi elexido ‘Fellow’ da IEEE.
Dende 2003 é catedrático de Medicina e Radioloxía na Universidade estadounidense de Tennessee e director do Programa de Imaxe Molecular e Investigación Translacional. A finais deste ano tomará posesión como director de Desenvolvemento PET da Universidade Nacional de Singapur.

The contents of this page were updated on 03.20.2009.