Máis de cento cincuenta pediatras analizan en Santiago os últimos avances en endocrinoloxía
O XVI Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica organizado pola Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia que dirixe o catedrático Manuel Pombo Arias reunirá o 3 de abril en Santiago a máis de 150 pediatras.
O encontro xirará en torno a tres mesas redondas sobre cuestións relacionadas coas áreas más actuais da especialidade como son a obesidade, a patoloxía tiroidea e a talla baixa. Na dedicada á obesidade presentaranse datos sobre a frecuencia desta patoloxía na poboación infantil española e estudos relacionados coa intervención dietética e farmacolóxica para tratar de intervir na corrección desta situación cada vez máis frecuente. Participarán o doutores Bonet, do Hospital Can Misses de Ibiza, e Moya, catedrático de Pediatría do Hospital Universitario San Juan de Alicante.
Na mesa redonda sobre a patoloxía tiroidea analizaranse diferentes aspectos en relación coa recente Guía del hipotiroidismo congénito en Galicia, un medio eficaz para lograr un mellor seguimento da doenza. Por último, no debate sobre a talla baixa considerarase un cadro que, aínda que enmarcado dentro da patoloxía rara, non é tan infrecuente como causa de afectación do crecemento -o denominado ‘síndrome de Noonan’-, e analizaranse as implicacións dunha nova situación condicionante de talla corta, en definitiva, un novo síndrome que foi recentemente tipificado polo grupo do profesor Pombo.
As mesas redondas complementaranse con diversas conferencias. Así, o profesor Fontoura, da Facultade de Medicina de Porto, explicará a puberdade retrasada; Cristina Luzuriaga, do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla de Santander, falará das repercusións endocrinolóxicas do retraso de crecemento intrauterino; o profesor Rivas Crespo, da Universidade de Oviedo, tratará a patoloxía por alteracións do xene SHOX, unha situación para a que aínda recentemente foi aprobada a indicación de tratamento con hormona de crecemento; e o doutor Yturriaga, xefe de Servizo do Hospital Ramón y Cajal de Madrid, analizará os problemas derivados da puberdade adiantada. A conferencia de clausura correrá a cargo do profesor Tojo e estará dedicada a un asunto de especiais implicacións para Galicia como é o da saúde en relación coa dieta atlántica.
O curso inaugurarase o 3 de abril, ás 11:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina, presidido polo decano da Facultade de Medicina, Fraga Bermúdez; o xerente do CHUS, Caramés Bouzán; e o presidente da Sociedade de Pediatría de Galicia, Sánchez Lastres.