Skip to main content

O director xeral de I+D da Comisión Europea explica en Santiago o VII Programa Marco

O Posgrao en Economía e Xestión da Innovación da USC trae este venres 27 ás súas aulas ao director xeral de I+D da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, para que explique o VII Programa Marco de I+D da UE. A conferencia, aberta a todo o público interesado, terá lugar ás 16:30 horas na aula 13 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
O curso en Economía e Xestión da Innovación, que organiza o grupo ICEDE da USC e dirixe o catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, ten como obxectivo contribuír ao fortalecemento das capacidades do sistema de innovación mediante a formación de especialistas na xestión da investigación e así profesionalizar e aumentar a capacidade de organización e xestión eficiente dos recursos dedicados á innovación e á creación de coñecemento.
Este posgrao, que vai pola súa novena edición, aborda, entre outros, aspectos relacionados co deseño de proxectos de investigación, coa súa avaliación e xestión e a xestión dos resultados científico-tecnolóxicos. Especial relevancia ten a avaliación de proxectos de innovación empresariais e a creación de empresas de base tecnolóxica. O curso tamén inclúe contidos específicos para a formación de xestores de programas nos organismos de planificación e xestión de políticas de I+D e innovación.

The contents of this page were updated on 03.26.2009.