Skip to main content

Comeza en Ciencias da Educación o II Ciclo de Teatro Comunitario

Nesta edición, o ciclo ábrese ás asociacións veciñais e aos centros socioculturais de Santiago

O actor, director e adaptador teatral Quico Cadaval disertará este mércores 1 sobre os recursos estilísticos do teatro popular no transcurso da conferencia inaugural do II Ciclo de Teatro Comunitario. Esta primeira sesión comezará ás 18:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) e continuará cunha representación a cargo do grupo Airiños (Rianxo) que interpretará ‘A retirada de Napoleón’. Para rematar a xornada o propio director deste grupo, Xesús Santos, pronunciará o relatorio ‘Historias de Airiños, un teatro do pobo con catro xeracións no escenario’. O programa continuará os días 15, 22 e 29 de abril.
Organizado pola Comisión Cultural e de Normalización Lingüística e o grupo de teatro da Facultade de Ciencias da Educación, o ciclo afianza un punto de encontro a través do cal alcanzar un achegamento á manifestación teatral de diferentes grupos que desenvolven a súa actividade nas vilas e aldeas de Galicia. Ademais, a iniciativa propiciará unha reflexión sobre o significado do teatro na vida asociativa e comunitaria das cidades.
Co lema ‘Teatro (é) educación’, os asistentes coñecerán e asistirán á representación de diferentes obras a través das que se fomentará unha análise ao redor de aspectos diversos como o valor educativo do teatro nas cidades, a organización de grupos e a implicación veciñal e outras cuestións concretas do traballo cotiá destas compañías locais. De xeito paralelo e con anterioridade a cada unha das postas en escena programadas o ciclo contempla unha serie de conferencias coas que se pretende profundar no significado e particularidades de cada unha das obras representadas.
Segundo explican os seus promotores, o obxectivo principal é, ademais de crear un xermolo que supoña a creación dun ciclo estable, concienciar aos futuros educadores da importancia do teatro como instrumento de innovación educativa na sociedade actual.

The contents of this page were updated on 03.31.2009.