Skip to main content

Arrinca este martes 'Lugoemprende na Universidade'

As sesións irán enfocadas a fomentar a cultura emprendedora entre a comunidade universitaria

A USC celebra este martes 31 a primeira xornada do programa ‘Lugoemprende na universidade’ en relación ás diferentes accións que se van levar a cabo ao longo do ano dentro deste programa e que pretende achegar o emprendemento a todos os universitarios dos últimos cursos das diferentes Facultades e Escolas que forman parte do Campus lugués.
Este primeiro encontro chamado ‘Seminario de Difusión da Cultura Emprendedora’, está organizado pola Área de Autoemprego do Campus de Lugo, integrada dentro do Programa Uniemprende, en colaboración co CEI Nodus do Concello e a Escola de Relacións Laborais. A sesión terá lugar en horario de 16:00 a 18:00 horas, no propio CEI, e irá dirixida aos estudantes do último curso da Escola de Relacións Laborais.
O obxectivo desta xornada será difundir a maneira como se xeran as ideas empresariais e romper os mitos sobre a figura do emprendedor, amosando a través de experiencias persoais de emprendedores galegos, que calquera persoa con ganas e esforzo pode desenvolver un proxecto empresarial.
ProgramaO contido deste Seminario para a Difusión da Creación de Empresas segmentarase basicamente en tres partes. A primeira delas centrarase na figura do emprendedor como pedra angular de calquera proxecto empresarial e analízase a relación entre o éxito da empresa e as características persoais deste axente. A través de casos reais de empresas implantadas en Galicia, abordaranse aspectos como as aptitudes desexables nun emprendedor, as habilidades, coñecementos e actitudes necesarias, os mitos que hai que superar, as principais barreiras que adoitan atopar e as diferentes motivacións que impulsan a emprender.
Na sesión estudarase ademais a idea de negocio, como o concepto que se desexa vender e cal será o perfil dun cliente potencial. Examinaranse as distintas fontes de ideas e concluirase que a viabilidade dun proxecto depende en gran medida da calidade e madurez da idea inicial. Abordaranse tamén as diferentes fontes de información ás que o emprendedor deberá acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade a partir do punto de vista comercial, económico-financeiro e técnico-legal.
A última parte centrarase na posta en marcha e na transformación da idea en proxecto, na necesidade de desenvolver un plano de empresa rigoroso e os recursos humanos e materiais que son necesarios para poñer en marcha o proxecto. Mostraranse ademais unha serie de instrumentos e recursos que están dispoñibles para os emprendedores e que supoñen unha importante axuda para acadar o éxito nos seus proxectos de empresa.
Ao longo de todo o Seminario expoñeranse casos reais de emprendedores que desenvolveron un proxecto empresarial en Galicia (extraídos do Banco de Proxectos Empresariais), no que se abordan aspectos como o historial do emprendedor, os recursos dos que dispoñía, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que o levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tivo que superar e as ameazas que se avistan no seu sector ou mercado, así como os factores aos que se pode atribuír o éxito da súa empresa.

The contents of this page were updated on 03.30.2009.