A campaña universitaria de colecta de sangue continúa nos dous campus a vindeira semana
A segunda campaña universitaria de doazón de sangue continúa a vindeira semana nos campus de Compostela e de Lugo, co obxectivo de relanzar as doazóns entre a comunidade universitaria neste segundo cuadrimestre do curso 2008-2009. Na iniciativa colabora o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social.
O luns 30 e o mércores 1 de abril, unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia permanecerá diante da Facultade de Medicina e Odontoloxía, en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. Co mesmo horario, o martes 31, a unidade móbil estará estacionada diante do Aulario do CHUS, onde tamén permanecerá o xoves 2 de abril, aínda que só en horario de mañá.
Tamén o día 2 haberá outra unidade móbil preto das Facultades de Ciencias da Educación, Psicoloxía e Física, no Campus Sur, a carón do Pavillón Central, durante toda a xornada no horario marcado.
Campus de LugoNo Campus de Lugo, o servizo de doazóns estará aberto na unidade que estará aparcada diante dos aularios da Escola Politécnica Superior o 31 de marzo e o 1 e 2 de abril, ao longo de todo o día co mesmo horario.