'Mente, realidade e estrutura do "eu"' dende unha perspectiva matemática
O profesor do Grupo de Neurociencia e Control Motor da Universidade da Coruña Xurxo Mariño participa este luns 30 no ciclo ‘Unha andaina pola Matemática’ cunha conferencia, ás 17:00 horas na aula magna da Facultade compostelá, titulada ‘Mente, realidade e estructura do "eu"’.
Como explicará na súa charla, o sistema nervioso humano é a estrutura máis complexa que se coñece. “As emocións, os sentimentos, a sensación de "eu" que cada un de nós ten xurde como resultado da actividade eléctrica de miles de millóns de células chamadas neuronas”, explica. Coa información que entra polos órganos dos sentidos as neuronas do encéfalo constrúen unha representación do mundo que nos rodea que, “en gran medida, é unha invención”. “Efectivamente”, afirma, dentro do cranio existe unha “máquina de realidade virtual que serve para que poidamos desenvolvernos polo mundo e á que podemos chamarlle "mente" ou "eu", pero o que parece claro é que ten un substrato físico que pode estudarse cientificamente”, explica.
Por iso, e como comentará o luns, a neurociencia está a utilizar a solidez das ferramentas matemáticas e a gran capacidade de computación dos ordenadores actuais para facer reconstrucións, modelos e simulacións do sistema nervioso, sobre a base dos datos que se obteñen en experimentos biolóxicos. O resultado é un coñecemento “cada vez máis fondo” da arquitectura e da función “desa máquina tan fascinante que todos levamos enriba e da cal xurde a mente”.