Skip to main content

O grupo de investigación Variación, cambio lingüístico e gramaticalización organiza en Vigo un simposio internacional

O equipo da USC é un referente internacional no campo da lingüística sincrónica e diacrónica

O grupo de investigación Variación, cambio lingüístico e gramaticalización da USC (VLCG), referente internacional no campo da lingüística sincrónica e diacrónica, organiza a finais desta semana no Clube Financeiro de Vigo un simposio sobre lingüística teórica e aplicada, en colaboración coas Universidades de Vigo, Newcastle e Lovaina.
O simposio internacional ‘First Vigo-Newcastle-Santiago-Leuven International Workshop on the Structure of the Noun Phrase in English’ enmárcase no ámbito das actividades de investigación que están levando a cabo o equipo que dirixe a catedrática de Filoloxía Inglesa da USC Teresa Fanego e tres máis das outras Universidades participantes.
Baixo o patrocinio destes grupos, a partir deste venres un grupo de destacados especialistas procedentes de diversas universidades europeas, americanas e asiáticas darase cita en Vigo para reflexionar sobre cuestións como os universais lingüísticos ou o desenvolvemento e consolidación da gramática das linguas a partir da interacción conversacional. Tentarán explicar por exemplo, matiza a profesora Fanego, “por que todas as linguas coñecidas respectan a orde lineal Demostrativo+Numeral+Adxectivo+Substantivo, é dicir, ‘eses tres grandes libros’, e non admiten variacións como ‘grandes eses tres libros’ ou eses grandes tres libros”.
Estas e outras cuestións, e a súa interrelación coas capacidades comúns a todos os individuos como os mecanismos auditivos ou os sistemas de procesamento da información, serán examinadas por Douglas Biber, da Universidade de Arizona; William Croft, da Universidade de Nuevo México; Evelien Keizer, da Universidade de Amsterdam; ou Melanie Bell, da Universidade de Cambridge.
O grupoAdemais de Teresa Fanego, forman parte do grupo VLCG que organiza este evento as profesoras María José López Couso, Belén Méndez Naya, Paloma Núñez Pertejo e Elena Seoane, o contratado postdoutoral Carlos Prado Alonso e seis bolseiros de FPU e FPI. O grupo, ao que avalan numerosos proxectos de I+D+i dos planes nacional e autonómico xunto con outros de distintas universidades europeas, está poñendo en marcha unha rede de excelencia en lingüística, a European Network of Centres for Linguistics, cuxa reunión fundacional terá lugar proximamente.

The contents of this page were updated on 09.29.2009.