Skip to main content

O proxecto Granxafamiliar xurdido na USC dá un paso máis coa Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar

Un total de trinta familias de vinte concellos galegos reuníronse no mes de decembro no Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega) para constituír a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF). A finalidade é poder xestionar e dar continuidade ao proxecto de I+D+i da USC que sustenta www.granxafamiliar.com, portal web dirixido ás familias agrarias produtoras de Galicia que no pasado destinaban a súa produción ao autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de introducila no mercado.
Neste mes de febreiro tivo lugar a primeira reunión da xunta directiva de ADAF, onde decidiron deseñar dous programas de visitas ás granxas cunha dobre vertente, unha didáctica para os centros de ensino e outra turística para as familias de orixe urbano con interese en coñecer o estilo de vida e os sistema de produción natural das diversas granxas familiares galegas, ademais do entorno cultural, social e paisaxístico onde se emprazan.
Por outra banda, a asociación decidiu a súa participación, xunto con Granxafamiliar, en diversas feiras para dar a coñecer os seus produtos e actividades, con especial incidencia en Madrid, Barcelona, Bilbao, A Coruña e Vigo. Outros acordos tiveron que ver coa necesidade de impulsar unha campaña de información dirixida ás familias sobre o uso eficiente da actual loxística de transporte coas empresas Integra2 e Tourline Express; así como tamén a oportunidade de ofertar a través de internet lotes de produtos naturais e ecolóxicos.
Investigación universitariaO movemento asociativo para o desenvolvemento da agricultura familiar nace a partir dunha investigación levada a cabo en Galicia e Irlanda entre os anos 2003 e 2006 polo Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (GIS-T IDEGA) da USC.
O traballo centrábase na análise socioeconómica, cultural e tecnolóxica de familias agrarias produtoras e permitiu cuantificar a dimensión da produción agraria familiar destinada ao autoconsumo e parcialmente comercializada por canais informais que, como advirten os responsables do proxecto, en Galicia poden chegar a representar unhas importantes rendas potenciais por familia. Os produtos son moi diversos, dende carnes variadas de vacún, porco e aves ata froitas do “país” incluídos froitos secos como castañas ou noces, pasando por hortalizas de todo tipo, ademais de produtos elaborados como queixos, mel, marmeladas ou viños.
Granxafamiliar.comO portal Granxafamiliar.com está dirixido ás familias agrarias produtoras de Galicia que tradicionalmente practicaron o policultivo e a multifuncionalidade rural destinando a súa produción ao autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de introducila no mercado. O web está dirixido polo lado da demanda a calquera comprador, sexa familia, colectivo, empresa en xeral, institucións sociais, ou outros que se sintan atraídos polos prezos, a calidade dos produtos e por unha nova forma de comercio.
Trátase de establecer canais de información e de fluxos de rendas entre o medio rural e urbano traballando directamente coas familias produtoras na promoción dos produtos galegos de calidade que se ofertan e que os clientes poden apreciar in situ visitando as granxas familiares.

The contents of this page were updated on 02.13.2009.