O profesor Juan Carlos Pérez Varela, primeiro ortodoncista galego que acada o European Board Orthodontics

O profesor da USC Juan Carlos Pérez Varela acaba de converterse no primeiro ortodoncista galego que acada o European Board Orthodontics, a máxima distinción no ámbito europeo que se lle pode outorgar a un odontólogo no campo da excelencia clínica.
O seu outorgamento recae nun tribunal internacional, integrado por profesionais de diversos países europeos, que avalía os oito casos clínicos que debe presentar cada candidato e un exame oral sobre a especialidade. O acto de entrega celebrouse recentemente en Helsinki no transcurso do Congreso da Sociedade Europea de Ortodoncia.
Licenciado en Medicina e en Odontoloxía e doutor en Medicina e Cirurxía, Juan Carlos Pérez realizou a súa tese de doutoramento na Universidade Ohio (EEUU), completando a súa formación co Máster en Ortodoncia da Universidade de Valencia e a realización dunha estadía no Southern California Permanent Medical.
Na actualidade é presidente da Asociación Española de Especialistas en Ortodoncia (AESOR) e, dende o ano 2002, do Comité Científico da Sociedad Española de Ortodoncia (SEDO). Tamén é membro activo do Angel Society of Europe, sendo o único ortodoncista galego que a integra, e autor de máis de corenta publicacións e varios capítulos de libro da súa especialidade, así como relator e conferenciante no ámbito nacional e internacional.
Ao recente acadado European Board Orthodontics, o doutor Pérez Varela suma outros recoñecementos como o Premio Moriyón, concedido pola Sociedad Española de Ortodoncia, ou o Houston Award da Sociedade Europea de Ortodoncia.