A USC imparte o próximo ano catro graos no Campus de Lugo

Máis da metade das titulacións da USC nas que se poden iniciar estudos no curso 2009-10 son xa graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior. No Campus de Lugo ofértanse catro graos, en Administración e Dirección de Empresas, en Enfermaría, Lingua e Literatura Españolas e Relacións Laborais e Recursos Humanos.
A Universidade de Santiago impartiu xa este curso 2008-09 os graos en Ciencia Política e da Administración e en Matemáticas. Próximo a vencer o prazo temporal establecido polo Plan Boloña, para o vindeiro ano académico a institución docente incorpora 26 novos, sumando así 28, segundo informou en rolda de prensa o reitor Senén Barro.
Continúan a ser como ata agora as carreiras de Humanidades, Veterinaria, Ciencia e Tecnoloxía (2º ciclo) e Química (2º ciclo) de Lugo; Traballo Social, Dereito, Óptica e Optometría, Farmacia, Medicina, Psicopedagoxía (2º ciclo) e Odontoloxía en Santiago; os Mestres e as enxeñarías, exceptuando a Informática.
A esta oferta oficial, da que 33 títulos teñen límite de prazas (8 deles en Lugo), súmanse catro titulacións propias en Santiago: o Graduado en Ciencias Criminolóxicas e da Seguridade Pública; o Diploma en Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras; o Gran Diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras; e a Especialización en Avogacía, procuradoría e Práctica Xurídica.
MatrículaO prazo de matrícula para os estudantes que iniciarán estudos na Universidade de Santiago comezará o vindeiro 21 de xullo e estenderase ata o 20 de outubro nas titulacións sen límite de prazas, agás o mes de agosto no caso da matrícula presencial. Este mesmo prazo establécese para o estudante de fóra de Galicia, que deberá facer unha solicitude previa por internet nesas datas. Nas carreiras con límite o primeiro prazo desenvolverase entre os días 21 e 23 de xullo mentres que o segundo será do 28 ao 30 do mesmo mes. Os seguintes prazos continuarán a partir do 1 de setembro.
Todos os estudantes, incluídos os de primeiro curso, poden facer a matrícula por internet (www.usc.es/matricula). A modificación só poderán facela a través da rede. Para iso, na súa aposta decidida polas novas tecnoloxías, a USC pon a disposición dos futuros e actuais estudantes cobertura sen fíos en todos os espazos da USC ademais das tres aulas de informática habilitadas para tal fin, en Santiago na Biblioteca Concepción Arenal e na Facultade de Filoloxía e en Lugo no Edificio Biblioteca Intercentros.
O pagamento das taxas poderá ser único ou fraccionado en tres prazos, o primeiro nos seguintes dez días á formalización da matrícula, o segundo en decembro e o último na primeira quincena de marzo.
Os mellores, na USCEntre os máis de 30.000 alumnos que este curso elixiron a USC (preto de 6.000 no Campus de Lugo) atopábase a maioría dos mellores expedientes galegos. Así, dos 327 estudantes de ensino medio que en xuño pasado acadaron unha puntuación de nove ou superior na cualificación definitivadas PAAU, 180 –o 55%- matriculáronse na USC no curso que agora remata.
Na presentación desta mañá Senén Barro lembrou tamén a ampla porcentaxe de estudantes procedentes das Olimpíadas científicas na USC, que de novo este ano poderán acceder a unha convocatoria de axudas para a adquisición de material informático. Os únicos requisitos serán matricularse por vez primeira, ter rematado os seus estudos de bacharelato-LOXSE no presente curso e acadado un 1º, 2º ou 3º premio en calquera das fases locais ou autonómicas das Olimpíadas en Bioloxía, Física, Matemáticas ou Químicas. O importe das axudas oscila entre 300 e 600 euros, podendo solicitalas ata o 30 de setembro de 2009.
Residencias, cultura e deporteEntre residencias universitarias e colexios maiores a USC oferta para o vindeiro curso un total de 1.110 prazas, subvencionadas segundo a renda do solicitante en 5 niveis e sen axuda para os que exceden determinado límite económico. Os prezos van dende os 45 aos 284 euros ao mes. O prazo de solicitude para alumnos de nova admisión remata o 10 de xullo.
Comprometida coa formación integral, non só académica, senón tamén dos estudantes como individuos que forman parte dunha comunidade más ampla e en último termo da sociedade, a USC ofrece ademais amplas instalacións deportivas, numerosas actividades culturais, unha extensa rede de bibliotecas e salas de lectura con horarios flexibles ao longo do ano, a posibilidade de estudar idiomas, rede de aulas de informática con acceso directo a Internet, a tarxeta universitaria de identidade (TUI) con descontos en numerosos establecementos, a comunicación das notas por móbil, actividades solidarias de voluntariado ou aluguer de bicicletas, entre moitas posibilidades.
Carta de ServizosAdemais, cumprindo cos seus compromisos de calidade, a Universidade de Santiago vén de elaborar un documento no que se explican os servizos académicos universitarios e as súas funcionalidades, garantindo a súa eficacia.
Coa Carta de Servizos dos Servizos Académicos Universitarios, que se pode atopar no web da USC, o alumnado dispón dunha guía da que botar man cando precise xestionar a súa admisión ou matrícula na Universidade, solicitar títulos ou materias de libre elección, ou mesmo recoñecer estudos.
Calendario académicoPara as titulacións adaptadas ao EEES as clase comezarán o 21 de setembro de 2009 e rematarán o 30 de xullo de 2010; o primeiro cuadrimestre estenderase ata o 3 de febreiro e o segundo ata o 7 de xuño de 2010. O resto das titulacións comezarán máis tarde as clases, o 1 de outubro, pero tamén se retrasará o seu remate, o 30 de setembro de 2010.