Skip to main content

A USC, entre as primeiras universidades europeas en mobilidade e cooperación internacional

Xestionará once millóns de euros para tres novos proxectos europeos de mobilidade con América Latina

A Universidade de Santiago, a través da súa Oficina de Relacións Exteriores (ORE), coordinará tres novos proxectos do programa Erasmus Mundus-External Cooperation Windows de mobilidade internacional con América Latina, o que a sitúa entre as primeiras universidades europeas en mobilidade e cooperación internacional.
O financiamento da Unión Europea para estes proxectos supera os 11 millóns de euros anuais –prorrogables dous anos coa mesma dotación económica- que van destinados a bolsas de manutención e gastos de desprazamento. Os detalles explicáronos este luns o reitor Senén Barro; o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; e o responsable da ORE, Enrique López-Veloso, quen situou entre 1.000 e 2.500 euros a cantidade que os beneficiarios destas bolsas poden percibir mensualmente.
Os proxectos céntranse na mobilidade de estudantes de grao e especialmente de master e doutorado, producíndose a maior parte do fluxo desde América Latina ou Asia cara ás universidades europeas. Así, estímase que máis de 500 persoas participen anualmente nestes programas (deles, como mínimo o 25 por cento virán a estudar á USC), nos que a Universidade de Santiago será a encargada de xestionar a mobilidade no conxunto das máis de corenta universidades participantes. En concreto, de América Latina están implicadas 30 de cinco países -Arxentina, Bolivia, Brasil, Paraguai, Perú e Uruguai- e da Unión Europea un total de 12, de Bélxica, República Checa, Francia, Italia, Alemaña, Portugal e España.
A USC, á cabezaNa actualidade Erasmus Mundus-External Cooperation Windows conta con 40 proxectos vixentes, sendo a USC nesta edición a única universidade que conseguiu 3 novos como coordinadora. Tan só outras dúas universidades europeas, a sueca de Lund e a belga de VUB contan con tres iniciativas coordinadas, pero foi en edicións pasadas. En España, catro universidades coordinan este tipo de proxectos, a de Deusto (2 proxectos), Valladolid (1), Autónoma de Barcelona (1) e Granada (1).
Oportunidade de cooperaciónA realización destes proxectos contribuirá a actualizar os estudos e a formación do persoal universitario de América Latina e doutros países en desenvolvemento en áreas como a tecnoloxía, ciencias, saúde, humanidades e ciencias sociais. Tamén potenciará as colaboracións académica e investigadora da USC coas universidades americanas e europeas participantes, o que supón unha “excelente oportunidade para estreitar os vínculos culturais e socioeconómicos de Galicia con eses países”, afirmou o vicerreitor.
Por outra banda, e como novidade, nestes programas participarán entidades non universitarias (organismos rexionais de desenvolvemento, ONGs, empresas, cámaras de comercio, etc.) que aseguran o aproveitamento da formación e a transferencia de resultados.
Máis proxectosAdemais do Erasmus Mundus a USC participa en proxectos do programa europeo TEMPUS -1 como coordinador e 3 como socio-, centrados na mellora das estruturas universitarias de países en desenvolvemento do norte de África e Asia. Nestes momentos estase á espera da resolución dos dous proxectos que a Universidade de Santiago presentou como líder.
Tamén participa anualmente en 15 proxectos de cooperación do programa PCI da AECID (Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo) e recibe anualmente máis de 300 estudantes de países en desenvolvemento para a súa formación. Actualmente, 40 deses alumnos ingresan na USC para realizar o seu doutoramento en AECID.

The contents of this page were updated on 06.29.2009.