Skip to main content

O Consello de Goberno da USC aprobou a memoria económica e as contas de 2008

A Universidade de Santiago aprobou este venres no seu Consello de Goberno a Memoria Económica e as contas correspondentes ao exercicio 2008. O gasto obrigado nese ano ascendeu a 290 millóns de euros, experimentando unha variación absoluta de 46 millóns en relación ao exercicio anterior (244 millóns) e unha variación relativa do 18,85%.
A memoria reflicte a situación e realidade económico-financeira da USC, destacando que o exercicio 2008 se pechou nunha situación de equilibrio, cumprindo estritamente o mandato establecido no Plan de Equilibrio Económico Financeiro que permitiu reconducir a situación económica da Universidade. O obxectivo de equiparar ingresos e gastos fíxose realidade sen reducir a capacidade de gasto, experimentando este entre os anos 2002 e 2008 un incremento do 65% en correspondencia co crecemento da actividade docente, investigadora e de transferencia de tecnoloxía que viviu a USC durante o período.
En todo caso, o equipo de dirección destaca que, aínda coas deficiencias que temos en moitos ámbitos, a dotación de recursos e sobre todo os resultados acadados sitúan á USC “ao nivel doutras universidades no noso entorno que dispoñen duns recursos financeiros moi superiores aos nosos”. Como exemplo, en 2008 o gasto orzamentado pola Comunidade Autónoma para o SUG seguía estando no entorno do 0,78% do PIB de Galicia nese ano, fronte a un gasto medio no Estado español do 1% do PIB das respectivas Comunidades Autónomas. Distancia estas, matizan, que “aumentan aínda máis ao considerar as diferenzas relativas no PIB”.
Estes datos sérvenlle aos responsables da USC para reclamar, “o antes posible”, unha reformulación do actual Plan de Financiamento co obxectivo de acadar “un esforzo inversor nas universidades por parte da Comunidade Autónoma superior ao 1% do PIB, ligado aos retos que temos nos ámbitos do Espazo Europeo de Educación Superior, a Investigación e a Calidade”.
Outros asuntosNa xuntanza aprobáronse tamén unha convocatoria propia de bolsas financiada polo Santander e o seguro de accidentes e asistencia en viaxes para estudantes da USC, e elixíronse aos membros do Observatorio do Código Ético, aos da comisións do Consello de Goberno e do representante do Consello de Goberno no CEFILMUS.
No que se refire ao PDI, o Consello de Goberno tratará pola tarde a asignación de complementos retributivos 2008, os criterios para o cálculo da relación capacidade-encargo docente das áreas de coñecemento, cambios de dedicación, prazas (estabilizacións, plan de choque, reposición de vacantes e outras actuacións), a modificación do límite de prazas en titulacións de grao ofertadas no curso 09-10, o límite para os másteres oficiais e os títulos adaptados ao EEES.

The contents of this page were updated on 06.26.2009.