Skip to main content

O reitor da USC presentou o libro '25 anos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (1984-2009)'

De esquerda a dereita: José López Orozco, Senén Barro, Ana Bravo e Antón Bao
De esquerda a dereita: José López Orozco, Senén Barro, Ana Bravo e Antón Bao
A presentación enmárcase na celebración do 25 aniversario da facultade

O reitor da USC, Senén Barro; a decana da Facultade de Veterinaria de Lugo, Ana Bravo del Moral; o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, José Uxío Rey; o alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco; e o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao, presidiron este venres a celebración do 25 aniversario desa facultade.
No acto presentouse o libro 25 anos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (1984-2009), no que varios autores vinculados ao centro universitario lugués fan un repaso pola historia da facultade e da profesión veterinaria en Galicia, e que está financiado pola Consellaría de Medio Rural, coa colaboración do Consello Galego de Colexios Veterinarios e do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España.
O libro non só recolle achegas de profesores, investigadores e estudantes vinculados á Facultade de Veterinaria nestes 25 anos, senón tamén de personalidades como o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; ou o alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco.
Os 25 anos de VeterinariaTal e como se recolle no libro 25 anos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (1984-2009), e como lembrou na súa presentación a decana Ana Bravo del Moral, este centro universitario lugués creouse en 1984, como continuador da vella Escola de Santiago, en marcha dende 1882 ata 1924 no edificio da actual sede do Parlamento de Galicia, e nel creouse, no ano 1988, o primeiro departamento universitario do campus, o Departamento de Patoloxía e Produción Animal.
Preto de 3.000 veterinarios formáronse xa na Facultade de Veterinaria de Lugo que, aínda que de creación recente, sitúase nunha posición de privilexio no contorno europeo. A aposta por mellorar a calidade do centro está validada a través dos diferentes procesos de avaliación europea levados a cabo pola Asociación Europea de Centros de Ensino Veterinario (EAEVE), da que forman parte 95 facultades de Veterinaria de 34 países europeos, ademais de Israel e Turquía. A facultade figura na lista de centros valorados positivamente dende o ano 2000 (logo de solucionar os pequenos problemas detectados na visita da comisión, dous anos antes), e renovou a homologación no ano 2008 por outros dez anos. Trátase dun grande mérito tendo en conta que universidades con máis de 150 anos de historia, coma a de Zaragoza ou León, non contan con este recoñecemento.
Entre outros aspectos, a comisión europea avaliadora salientou o importante currículo do persoal docente de Veterinaria e a súa participación en programas de formación continua, así como a calidade da Biblioteca Intercentros e do hospital Rof Codina, ao que sinalaron como ‘un exemplo a seguir’.
Os asistentes ao acto de presentación do libro 25 anos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (1984-2009) coincidiron en salientar "o prestixio que a excelencia académica deste centro supón para o campus e para o conxunto da USC", e en destacar a labor dos profesionais veterinarios como "garantes da calidade dos alimentos e da protección dos consumidores".
Na actualidade, a Facultade de Veterinaria de Lugo recibe unha media de 120 alumnos por curso, conta con 118 profesores e desenvolve o traballo de investigación máis intenso do campus.
ConferenciaA celebración do 25 aniversario de Veterinaria contou tamén coa conferencia ‘Os retos da veterinaria en Europa ante a nova estratexia de sanidade animal e o concepto One Health’, impartida polo xefe da sección de Identificación e Control de Enfermidades do Comité de Saúde Animal, pertencente á Dirección Xeral de Saúde e Consumidores da Unión Europea, Francisco Javier Reviriego Gordejo, que explicou o traballo que desenvolven os 27 membros desta comisión para elaborar lexislación no eido veterinario.

The contents of this page were updated on 11.27.2009.