Skip to main content

O lino e a Brassica plantan cara aos combustibles fósiles

O bioetanol producido con biomasa procedente dos residuos agrícolas do lino e dos cultivos de Brassica carinata (planta herbácea de flores amarelas) consegue reducir as emisións de CO2 e o consumo de combustibles fósiles, “axudando a mitigar o cambio climático”, sinala a investigadora Sara González-García, do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC.
Este grupo compostelán, xunto a investigadores da Autónoma de Barcelona e da Universidade de Leiden, acaban de publicar os resultados dunha investigación conxunta na revista Renewable and Sustainable Energy Reviews. Os resultados deste grupo, do que tamén forman parte os docentes da USC Mª Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo, confirma que a produción de bioetanol con estes dous tipos de biomasa “axuda á redución de gases de efecto invernadoiro”.
Non obstante, estes mesmos combustibles tamén contribúen á acidificación, eutrofización, a formación de oxidantes fotoquímicos e a toxicidade en persoas ou no ambiente. Para paliar estes efectos, os investigadores propoñen o emprego de cultivos de alto rendemento, así como a optimización das actividades agrícolas e o mellor uso de fertilizantes.
As simulacións revelan que o lino (máis rico en celulosa) chega a producir 0,30 quilogramo de etanol por cada quilogramo de biomasa seca, fronte aos 0,25 kg/kg da Brassica. Fronte isto e ao analizar todo o ciclo de produción, os investigadores apuntan que a planta de flores amarelas presenta unha maior produción de biomasa por hectárea e ten un menor impacto medioambiental.
O biocombustible así producido pertence á categoría de ‘bioetanol de segunda xeración’, aquel que se obtén de residuos forestais ou agrícolas, ou de cultivos de herbáceas, e que non entra en competencia directa cos cultivos agrícolas destinados á alimentación animal e humana.
España é o terceiro produtor europeo de bioetanol, por detrás de Francia e Alemaña, aínda que polo de agora o seu uso apenas representa o 0.40% del total da enerxía. Neste senso, a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional están promovendo o desenvolvemento deste tipo de biocarburantes.
A revista Renewable and Sustainable Energy Reviews é unha publicación internacional cun elevado índice de impacto, 4.075, ocupando a posición número 3 de entre as 67 revistas que integran a categoría ‘Energy & Fuels’.

The contents of this page were updated on 11.26.2009.