Skip to main content

Investigadores da Escola Politécnica de Lugo proban que as ondas galegas son as mellores para producir enerxía

Dous estudos realizados polos investigadores da Escola Politécnica Superior de Lugo Gregorio Iglesias e Rodrigo Carballo, e publicados recentemente nas revistas Energy e Renewable, demostran que as ondas de Estaca de Bares e da Costa da Morte -entre Fisterra e as Illas Sisargas- son as mellores para producir enerxía, é dicir, teñen o maior potencial para instalar sistemas de aproveitamento enerxético.
Segundo estes estudos, os primeiros que se centran na rexión do noroeste peninsular, na Costa da Morte pódense acadar os 50 kilowatios por metro de auga, e en Estaca de Bares algo máis de 40. Para obter estas conclusións, os investigadores da USC fixeron análises do clima marítimo (réxime de ondas ao longo do tempo) en augas profundas de vinte puntos da costa galega.
Gregorio Iglesias destaca a importancia das ondas como fonte de enerxía renovable, e o valor que poden ter para reducir os gases de efecto invernadoiro e axudar a cumprir o Protocolo de Kyoto.
A enerxía que producen as ondas, denominada undimotriz, pódese xerar con diferentes dispositivos, dende boias que ao subir e baixar fan funcionar un xerador, ata columnas ou pozos herméticos comunicados co mar que expulsan aire cara a unha turbina, pasando pola enerxía que se obtén ao mover partes articuladas flotantes e unidas. A día de hoxe, en España non existen instalacións undimotrices que operen de xeito comercial, aínda que hai dúas centrais piloto en Cantabria e Guipúscoa, e existe un proxecto para instalar unha planta undimotriz en Tenerife.
O equipo de Gregorio Iglesias e Rodrigo Carballo deseñou un sistema de xeración de enerxía das ondas, denominado ‘WaveCat’, unha estrutura flotante de aceiro que incorpora turbinas para producir electricidade. Hoxe en día, traballan na mellora dos modelos numéricos do sistema e constrúen un prototipo a escala para poñelo a proba nun tanque de ondas.

The contents of this page were updated on 11.30.2009.