Skip to main content

A I Olimpíada galega de Economía celebrarase na Universidade de Santiago

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acollerá o 26 de xuño as probas da I Olimpíada galega de economía, un concurso de carácter académico e educativo que trata de incentivar o seu estudo entre os novos, premiar o esforzo e a excelencia académica e establecer vínculos estables entre a Universidade e os centros de educación secundaria.
Poderán participar todos os estudantes dos centros de ensinanza secundaria de Galicia que estean matriculados durante o curso 2008-09 na materia Economía e Organización de Empresas, de segundo de bacharelato. Os tres mellores alumnos participarán na I Olimpíada Española de Economía que terá lugar en Valencia os días 1, 2 e 3 de xullo de 2009.
A participación na proba é individual e realizarase previa inscrición na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC nunha ficha que debe ir acompañada do visto e prace do profesor da materia. O prazo de inscrición é ata o 7 de xuño de 2009.
PremiosOs tres alumnos que obteñan a mellor puntuación das probas quedarán exentos das taxas de matrícula para cursar estudos de Economía ou Administración e Dirección de Empresas en calquera das tres universidades públicas galegas. Ademais, costearánselles os custos de desprazamento, aloxamento e manutención para asistir á I Olimpíada Española de Economía.
Patrocinada por Caixanova, esta primeira edición está organizada polos decanos de Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas das tres universidades galegas e o equipo directivo da Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria (AGAEDES).

The contents of this page were updated on 06.01.2009.