ESTALMAT-Galicia selecciona este sábado aos 25 talentos matemáticos da terceira promoción
Un total de 142 estudantes de toda Galicia nacidos en 1996 e 1997 participan este sábado, 6 de xuño, nas probas de selección dos 25 estudantes que constitúen a terceira promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en Matemáticas.
Os participantes, 88 rapaces e 54 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (89) e Pontevedra (38), seguidas das de Lugo (14) e Ourense (1), tanto do ensino público (112) como do privado (30).
A partir das 9:50 horas na Facultade de Matemáticas, os estudantes resolverán problemas de distinto tipo e un test psicométrico. Durante a primeira parte os familiares asistirán a unha sesión informativa sobre o proxecto Estalmat-Galicia.
As probas corríxeas de forma anónima un equipo de oito profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección corresponderalle ao conxunto do comité. A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto na terceira semana de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os seus pais ou titores serán convocados a unha entrevista persoal na que se comprometan a acudir ás actividades que terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos. O curso iniciarase a finais de setembro cun campamento matemático.
ESTALMAT-GaliciaO Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT-España e conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e co patrocinio económico da Fundación Vodafone España, das Deputacións da Coruña e Lugo, do Proxecto Ingenio-Mathematica e do Centro Superior de Investigacións Científicas, ademais da infraestrutura facilitada pola USC.
Con esta iniciativa non se trata de adiantar aos alumnos en contidos matemáticos do seu currículo escolar senón, pola contra, desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia.
O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 25 profesores de matemáticas do ensino medio e das tres universidades galegas, e conta co asesoramento da Unidade de Estudo e Investigación da Superdotación da Facultade de Psicoloxía da USC.
A organización corre a cargo do comité que preside o ex-decano do centro, o actual vicerreitor de Profesorado e Organización Académica da USC, Juan Viaño, e coordinan as profesoras Mercedes Feijoo, Covadonga Rodríguez-Moldes, Rosana Rodríguez e a decana da Facultade recentemente elixida, a profesora María Victoria Otero.