Preto de 300 persoas formaranse como voluntarios na USC
Máis de 260 estudantes participarán nos cursos de Formación Básica en Voluntariado da USC, que levan sete anos celebrándose nos campus de Santiago e Lugo. Estes cursos permítenlles aos participantes afondar no que é a acción voluntaria, os seus dereitos e os seus deberes, ao tempo que coñecen experiencias de voluntariado nos máis diversos ámbitos, da man de entidades sociais que presentan os programas que levan a cabo e nos que poderán participar os estudantes.
O programa do curso de Formación Básica en Voluntariado, que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, arranca ás 10:00 horas deste venres 6 de novembro, e levarase a cabo de xeito simultáneo na Facultade de Matemáticas de Santiago e na de Humanidades de Lugo os días 6, 7, 13, 14 e 15 de novembro.
Serán dúas fins de semana nas que adquirir información sobre temas de interese como a saúde, a inclusión social, a educación ambiental, a cooperación internacional ou as habilidades sociais, pero, sobre todo, de descubrir unha nova visión do mundo do voluntariado, máis próxima e intimista, ao coñecer experiencias que se están a desenvolver en Lugo e Compostela da man dos seus propios protagonistas: voluntarios que colaboran con Médicos sen Fronteiras, coa Unidade de Desordes da Alimentación, con FEAFES (Confederación Española de agrupacións de familiares e persoas con enfermidade mental), Amnistía Internacional, Unicef ou Proxecto Home, entre outras entidades.
Como novidade respecto a outros anos, as colaboracións dos estudantes intégranse no proxecto Actividades de Participación Social de tal forma que os alumnos ou alumnas que desexen continuar durante o ano académico colaborando en proxectos desenvolvidos por distintas entidades de iniciativa social, institucións ou fundacións coas que a USC ten convenio de colaboración e que desenvolvan os proxectos organizados a través das ferramentas que o Servizo de Participación e Integración Universitaria puxo en marcha no Campus Virtual, poderán obter recoñecemento académico pola súa participación. A USC da, deste xeito, un paso adiante para a integración dos temas relacionados coa participación e a responsabilidade social no seu proxecto educativo.