Presentación do programa da oitava edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios
O programa da oitava edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios (TechBusiness Week 2MIL9) presentarase en rolda de prensa esta mércores 11 nun acto previsto para as 11:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Na presentación, o reitor Senén Barro estará acompañado da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira Álvarez, e do presidente da Fundación Sabiria, Marcelo Castelo.
Esta nova edición da TechBusiness vaise celebrar a vindeira semana, entre os días 16 e 19, organizada novamente en catro bloques temáticos nos que se atenderá a aspectos de Seguridade e Bases de Datos e Programación; Software libre; Mobilidade e Telecomunicacións; e Management e Sociedade da Información.
A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios é unha actividade promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo Foro e-Gallaecia, entidade do que a USC é socia fundadora e cuxa finalidade é o desenvolvemento da Sociedade da Información. Ao longo das pasadas edicións, os contidos deste encontro internacional captaron dunha maneira evolutiva o interese e asistencia de tecnólogos, tanto directivos como técnicos, convertendo este foro tecnolóxico no punto de encontro máis prestixioso para a actualización anual de coñecementos neste eido. De feito, algúns profesionais das TIC consideran que este encontro é cualitativamente o máis importante da Península Ibérica neste eido.