A oitava edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios adopta un formato integramente virtual

A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios (TechBusiness Week 2MIL9) vaise desenvolver na súa oitava edición de xeito integramente virtual, xa que relatores e asistentes terán na rede o seu punto de encontro. Para elo utilizaranse as máis avanzadas ferramentas de videocolaboración que explotan intensamente as posibilidades das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
O programa deste encontro presentouno o reitor da USC, Senén Barro, nunha rolda de prensa na que o acompañaron a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira Álvarez, e o presidente da Fundación Sabiria, Marcelo Castelo.
A organización do encontro de modo totalmente virtual é unha manifestación da “capacidade de innovación aplicada en primeira persoa”, sinalou o reitor compostelán, e unha decisión que ademais de facilitar a asistencia “pretende ser unha medida que manteña o foro nuns tempos de máximo aforro e sirva á vez como unha medida de sustentabilidade”. Ademais, a iniciativa ten a particularidade de que esta será unha das primeiras ocasións que se utilizará este formato nun evento de alcance estatal. A medida non pecha as portas a que no futuro se retome o formato presencial, “que tamén achega indubidablemente outros valores engadidos”, se ben “a vontade de innovar esixe abrir novos vieiros”.
“O sector das TIC debe converterse nun sector clave no desenvolvemento produtivo de Galicia” sentenciou na súa quenda Mar Pereira para engadir que o goberno galego, coa creación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, “asume o liderado que demanda a sociedade e o sector tecnolóxico”. A nova unidade administrativa “aglutina competencias e responsabilidades para dar cohesión a iniciativas previamente existentes dende a colaboración, e dicir, sumando esforzos”.
Nesta mesma liña, Marcelo Castelo congratulouse de que por vez primeira en Galicia, un goberno creara unha unidade administrativa de máximo nivel dependente directamente do presidente, “a de Innovación Tecnolóxica é unha secretaría fundamental” cun importante papel na concienciación da sociedade en materia de tecnoloxías da información e das comunicacións.
Esta nova edición da TechBusiness vaise celebrar a vindeira semana, entre os días 16 e 19, organizada novamente en catro bloques temáticos nos que se atenderá a aspectos de Seguridade e Bases de Datos e Programación; Software libre; Mobilidade e Telecomunicacións; e Management e Sociedade da Información.
Prestixioso punto de encontroA Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios é unha actividade promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo Foro e-Gallaecia, entidade do que a USC é socia fundadora e cuxa finalidade é o desenvolvemento da Sociedade da Información (SI). Ao longo das pasadas edicións, os contidos deste encontro internacional captaron dunha maneira evolutiva o interese e asistencia de tecnólogos, tanto directivos como técnicos, convertendo este foro tecnolóxico no punto de encontro máis prestixioso para a actualización anual de coñecementos neste eido. De feito, algúns profesionais das TIC consideran que este encontro é cualitativamente o máis importante da Península Ibérica neste eido.
Na presente edición, consolídanse as sesións tecnolóxicas (ás dedicadas a seguridades, programación, protección de datos, software libre, mobilidade e telecomunicación) así como as de carácter transversal (management e sociedade da información). Como xa sucedera nas anteriores edicións, as intervencións de 2009 correrán da man de destacados especialistas nas súas respectivas áreas, e entre os que se atopan Javier Pedreira ‘Wicho’, editor de Microsiervos, ou Emilio Ontiveros, reputado especialista internacional en temas relacionados coa Sociedade da Información. Ademais, Miguel A. Amutio, do Ministerio de Administracións Públicos presentará os esquemas nacionais de seguridade e de interoperabilidade da administración central.
Véñense sumar así á nómina de reputados especialistas que teñen pasado por este Semana Internaiconal como Marcelo D’Elia Branco, asesor da Presidencia da República de Brasil para a Sociedade da Información e impulsor do proxecto ‘Software Livre Brasil’; Mark Shuttleworth, sudafricano que se fixo multimillonario ao vender a súa tecnoloxía a Verisign e que empregou parte da súa fortuna en ser o segundo turista espacial da nave ‘Soyuz’; Enrique Dans, director da Área de Sistema se Tecnoloxías da Información do Instituto de Empresa; Jorge Valdano, ex futbolista e conferenciante sobre temas relacionados coa xestión empresarial; Piotr Sobolewski, especialista en sistemas informáticos de seguridade e creador da revista ‘Hakin9 Magazine’ e membro do grupo hakin9lab; Rudolh W. Giuliani, ex alcalde de Nova York; Rosa García, conselleira delegada de Microsoft Ibérica; ou Amparo Moraleda, presidenta de IBM para España e Portugal, entre moitos outros.
O programa presentado representa unha aposta por fornecer un punto de encontro entre a universidade, a administración e as empresas no ámbito da SI galega. Xunto esta finalidade, os obxectivos do congreso procuran conseguir o máximo impacto social a través da socialización do coñecemento; seguir sendo o aglutinador do debate intelectual de técnicos e directores de tecnoloxía; e promover o acceso ao coñecemento tecnolóxico de Galicia.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web da TechBusiness Week 2MIL9.