Skip to main content

A Aula de Produtos Lácteos de Lugo acolle unha nova edición das xornadas divulgativas 'Ga-láctea'

A actividade enmárcase no programa da novena edición da Semana da Ciencia en Galicia

A Aula de Produtos Lácteos acollerá, dende o luns 16 ata o venres 20 de novembro, as Xornadas Divulgativas da Ciencia do Leite, enmarcadas no ‘Proxecto Ga-láctea’, co gallo da celebración da Semana da Ciencia. Estas xornadas están promovidas pola Consellería de Innovación e Industria, dentro das accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (INCITE).
As xornadas diríxense a escolares de entre 10 e 12 anos de centros de ensino da provincia de Lugo, que visitarán durante unha hora e media a planta piloto da Aula de Produtos Lácteos, onde recibirán explicacións e verán de preto as diferentes tecnoloxías empregadas na elaboración de produtos lácteos. Ademais, terán a oportunidade de participar en diversas actividades, como a elaboración de queixo e iogures.
O obxectivo principal destas xornadas é transmitirlle aos escolares a importancia da investigación nun sector tan estratéxico para Galicia como é o sector lácteo, fomentando o recoñecemento do traballo do colectivo investigador galego.
Ao longo da vindeira semana, visitarán a Aula de Produtos Lácteos alumnos dos colexios Frei Luís de Granada (Sarria), Illa Verde (Lugo), Veleiro do Campo (Castro Riberas de Lea), Rosalía de Castro (Lugo), Aneja (Lugo), Manuel Mallo Mallo (Lugo) e Manuel Falcón (Castro de Rei).

The contents of this page were updated on 11.13.2009.