A USC e Caixanova asinarán un convenio para a rehabilitación do Colexio de Fonseca
O reitor Senén Barro e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinarán este mércores 4 un convenio polo que a entidade financeira colaborará na rehabilitación do Colexio de Fonseca. A sinatura protocolaria do acordo vaise celebrar a partir das 12:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
O Colexio de Fonseca é un edificio de natureza singular pola súa historia e polos espazos aos que dá acubillo, como o seu Salón Nobre, claustro ou a Biblioteca América, única no mundo pola súa especialidade temática. Alonso III de Fonseca, nomeado arcebispo en 1507, deseñou o edificio que hoxe toma o seu nome co obxecto de dotar a Galicia dun centro de estudos superiores a través do que restablecer as ensinanzas das Artes, a Teoloxía e o Dereito.