As bibliotecas universitarias galegas incorporan un novo portal de acceso e busca aos seus recursos de información
As bibliotecas do Sistema Universitario de Galicia acaban de incorporar entre os seus servizos un novo portal de acceso e busca nos múltiples recursos de información dos que dispoñen estas bibliotecas. Baixo a denominación de Pórtico, a iniciativa xorde do traballo levado a cabo por un equipo integrado polas tres universidades galegas e o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGalicia).
A plataforma Pórtico inclúe, entre outras ferramentas, unmetabuscador que permite a organización, diseminación, recuperación e aceso á información académica nun ambiente heteroxéneo de revistas e bases de datos electrónicas, libros, catálogos bibliográficos e outros recursos en Internet.
O servizo permite coñecer os recursos dispoñibles nunha determinada área de coñecemento e lanzar sobre eles consultas simultáneas, ver os resultados de modo unificado e enlazar ao texto completo se dispón del.
Pórtico inclúe ademais unxestor de enlaces, o SFX, aplicación que permite integrar compoñentes da biblioteca dixital mediante unha tecnoloxía de xeración dinámica de enlaces. Asemade permite avaliar a calidade, a rendibilidade e o equilibrio da colección de recursos electrónicos. O xestor de enlaces facilitaralle aos usuarios medios para obter o texto completo, comprobar se a biblioteca dispón da versión impresa, solicitar o documento a través do servizo de préstamo interbibliotecario, consultar o factor de impacto, acceder á táboa de contidos ou resumos, buscar outros documentos do autor ou exportar citas a Refworks, entre outros.