Skip to main content

Unhas xornadas en Matemáticas denunciarán a relación entre o modelo económico actual e a crise ecolóxica

Nas mesmas xornadas tratarase de atopar alternativas

Fortalecer a posta en práctica de medidas a escala individual e colectiva para frear a crise ecolóxica en xeral e loitar contra o cambio climático en particular. Esta é a finalidade das xornadas ‘Consumo responsable e cambio climático’, organizadas pola USC e Amarante e que se van celebrar na Facultade de Matemáticas entre os días 24 e 26.
Nas tres sesións programadas, os promotores da iniciativa trazan como obxectivos específicos denunciar a relación entre o modelo económico e crise ecolóxica, achegar experiencias dos efectos do modelo económico dominante no sur e as alternativas en marcha, así como situar ao comercio xusto dentro do consumo responsable no centro das alternativas cara a sustentabilidade.
O seminario comporase de relatorios de especialistas sobre as temáticas a tratar de forma global, de xeito que se ofreza aos participantes unha visión global e argumentos para o debate e posterior reflexión nos obradoiros.
Pola súa banda, os obradoiros centraranse en aspectos máis concretos das distintas temáticas. Constarán de tres grupos de traballo, cadanseu coa súa temática, e as súas respectivas follas de ruta. Deste xeito, na sesión do venres elaboraranse tres árbores de ameazas e debilidades, para o sábado traballar as oportunidades e fortalezas que permitan superar o comentado na xornada anterior. Na última sesión, de carácter plenario, porase en común o falado de xeito paralelo nos tres obradoiros.
Os promotores da iniciativa consideran que as xornadas fortalecerán a aprendizaxe colectiva, impulsando a reflexión de cada participante e propiciarase dun proceso participativo no que acadar unha propia solución colectiva. Na actualidade, o modelo económico actual impón sen moitas resistencias medidas destinadas a facer beneficios por riba dos dereitos laborais e humanos máis básicos. Un modelo de consumo enerxético e alimentario, engaden os responsables da xornada, devorador sen fin de materias prima que deixa o rastro da fame e a pobreza.
Neste contexto, o comercio xusto semella, no marco do consumo responsable, unha ferramenta práctica para provocar a transformación social. O establecemento de formas comerciais con criterios de colaboración e non de competencia, o respecto polo medio ambiente e polas comunidades locais, a soberanía alimentaria e a transformación das condicións estruturais que xeran a pobreza e a crise ecolóxica sitúanse como eixes sobre os que deben pivotar as estratexias políticas do século XXI.

The contents of this page were updated on 04.20.2009.