O Curso de Frío Industrial celebra este xoves o seu acto de clausura
A USC clausura este xoves 23 o Curso de Frío Industrial que se impartiu no Campus de Lugo, organizado pola Escola Politécnica Superior (EPS), a Facultade de Ciencias e o Grupo Cofrico. Nel estivo matriculada unha trintena de titulados e estudantes universitarios de primeiro e segundo ciclo de carreiras técnicas, especialmente das titulacións de Enxeñaría Técnica Agrícola, na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias, Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría Técnica Industrial, que o xoves recibirán os seus diplomas.
No acto de clausura, que terá lugar na Sala de Xuntas da EPS ás 20:00 horas, estarán presentes o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano de Ciencias, Francisco Fraga; o director da EPS, Javier Bueno; o coordinador do curso, José Manuel Magide; e o xerente de Cofrico, José Luis Fernández.
Durante o curso tratáronse os diferentes sistemas de produción de frío, particularmente o de compresión mecánica de vapor, coa finalidade de formar a especialistas no ámbito da tecnoloxía do frío e dar a coñecer as instalacións frigoríficas e os seus dispositivos, así como a aprendizaxe da regulación e do control das instalacións frigoríficas.