O CEA conmemora cunha conferencia en Física o centenario do nacemento de Lev Landau
No marco do ciclo de conferencias que con motivo do centenario do nacemento do físico e matemático soviético Lev Landau promove o CEA, o profesor da Universidade Católica de Leuven (Bélxica) Victor V. Moshchalkov impartirá este xoves 23 unha conferencia na Aula Magna da Facultade de Física.
Será ás 17:00 horas cando o director do Programa de Investigación ESF Nanociencia e Enxeñaría en Supercondutividade pronuncie o relatorio ‘Ginzburg-Landau Theory: a powerful tool to study nanostructured superconductors’.
O profesor Moschalkov conta con máis de 720 publicacións e os seus estudos sobre os efectos de confinamento nas propiedades de supercondutores, semicondutores e materiais magnéticos nanoestruturados gozan dun amplo recoñecemento internacional. Algúns dos seus traballos en nanosupercondutividade estableceron os principios básicos para o desenvolvemento de elementos supercondutores que poden ser utilizados en computación cuántica.
De orixe rusa, entre as distincións de Moschalkov destacan o Premio Nacional para Novos Investigadores (1986) e o de Investigación do Ministerio de Educación (1988) da antiga Unión Soviética, ademais de ser finalista do Premio Descartes de Investigación Científica da Unión Europea en 2006.