A promoción 2004-2009 de Veterinaria recibe este sábado as súas insignias de licenciados nun acto no Auditorio
Un total de 69 alumnos participarán este sábado 25 no acto de licenciatura da promoción 2004-2009 da Facultade de Veterinaria de Lugo, da que é padriño o profesor Gonzalo Fernández Rodríguez. Este acto está organizado conxuntamente co Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña.
A sesión dará comezo ás 11:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria. Estará presidida polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, ao que acompañarán a decana do centro, Ana María Bravo; o profesor e padriño da promoción, Gonzalo Fernández Rodríguez; o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Eugenio Rey; e a delegada de Urbanismo do Concello de Lugo, María Novo.
Durante o acto, o doutor Luciano Sánchez, profesor xubilado da Facultade de Veterinaria de Lugo, ofrecerá unha conferencia co título ‘A carne galega e a dieta atlántica’.
Tras a intervención de Paula Pérez e Yordan Fernández, representantes dos alumnos, e do padriño, destaca tamén no programa a participación de Ana María López Pombo, vogal da Sección Social e Laboral do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, co relatorio ‘Un paso para seguir adiante’. A continuación entregaranse os xuramentos de médico veterinario e a insignia de licenciado, xunto con libro 101 reflexións sobre a experiencia de profesionais veterinarios.