O investigador Juan Casto Rivadulla profunda na relación entre o funcionamento do cerebro e as matemáticas
Que pasa no cerebro humano cando se realizan operacións matemáticas?. Está é unha das múltiples preguntas que Juan Casto Rivadulla Fernández, do Grupo de Neurociencia e Control Motor da Universidade da Coruña, tentará respostar na súa conferencia ‘Os números no cerebro, ata onde sabemos contar?’, incluída na programación do ciclo ‘Unha andaina pola Matemática’. A cita será o vindeiro luns 27 ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Decisións tan sinxelas coma se cinco euros son suficientes para pagar unha determinada compra ou si debemos ir antes ao caixeiro requiren uns coñecementos básicos de aritmética “e tamén un cerebro, unha estrutura dunha inmensa complexidade da que, pouco a pouco, imos desentrañando algúns dos seus segredos, en moitos casos utilizando ferramentas matemáticas”, explica Rivadulla Fernández.
Durante a charla, o conferenciante explicará como a tecnoloxía permite profundar nun mellor coñecemento do cerebro e o seu funcionamento, mostrará os lugares nos que se procesan os números e falará sobre as neuronas, “que pasan o tempo esperando que apareza o número 1 ou o 2, que non son en realidade moi distintas a outras”. Finalmente o conferenciante tamén incidirá na natureza do matemático, “nace ou se fai?”, e tratará de ofrecer resposta a cantas cuestións poidan xurdir como ata canto poden as persoas contar.