O Museo de Historia Natural Luis Iglesias achéganos nunha exposición o mundo dos moluscos mariños
As illas de Cabo Verde seguen a ser, en pleno século XXI, importantes áreas de diversificación de moluscos mariños. Por esta razón foron o escenario escollido polo Museo de Historia Natural para ilustrar ese complexo mundo animal nunha mostra que se pode visitar no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca.
Cun forte carácter didáctico, a mostra consta de varios módulos nos que se profunda na paisaxe natural das illas de Cabo Verde, nas expedicións científicas levadas a cabo desde o século XIX nese arquipélago, nas achegas realizadas por Emilio Rolán ao avance do coñecemento científico dos moluscos mariños de Cabo Verde e nos métodos e técnicas que se utilizan na actualidade para o estudo dos moluscos mariños. Finalmente, inclúe un xogo interactivo sobre a evolución e diversificación dun molusco mariño.
A exposición ‘Illas de Cabo Verde: Primeira escala do Beagle e modelo de diversificación e irradiación de moluscos mariños’, patrocinada pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Economía e Industria no marco da Semana da Ciencia 2009, poderá visitarse ata o 13 de decembro en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas, os sábados de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:30, e domingos e festivos de 11:00 a 14:00.