Skip to main content

Este xoves remata o prazo de matrícula para os estudos de especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica

A Escola de Práctica Xurídica pecha este xoves 22 o prazo para matricularse na 25 edición dos estudos de especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica que imparte como título propio da USC en colaboración cos colexios profesionais e homologado polo Consello Xeral da Avogacía Española.
As persoas que se matriculen nestes estudos constituirán a última promoción (2009-2011) que sairá das aulas do Centro antes de que entre en vigor a Lei de acceso ás profesións de avogado e procurador, prevista para outubro de 2011, que establece que a obtención dos títulos profesionais será requisito imprescindible para a colexiación e o desempeño profesional.
Os estudos de especializaciónO programa está destinado a licenciados en Dereito e alumnos con algunha materia pendente e ten como obxectivos a formación práctica de profesionais altamente capacitados para o exercicio da profesión, así como proporcionar contactos profesionais proveitosos que faciliten a inserción dos licenciados no mercado laboral.
A formación abrangue o adestramento en todas aquelas materias que un avogado ou procurador debe coñecer no exercicio do súa labor profesional e as clases serán impartidas por un equipo de máis de 150 profesionais de recoñecido prestixio e experiencia entre os que hai avogados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, notarios, rexistradores, inspectores de facenda e de traballo, entre outros. A duración do curso será de 19 meses, de outubro de 2009 a xullo de 20011, cun total de 2.400 horas distribuídas en 900 horas de prácticas de aula e 1.500 de prácticas externas a realizar nos servizos xurídicos de administracións públicas, órganos xudiciais e despachos de avogados e procuradores.
Unha vez superados os estudos, a Escola de Práctica Xurídica expedirá o correspondente título propio e un Certificado de Aptitude Profesional expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española e o Consello da Avogacía de Galicia. Ademais, a realización destes estudos supón un mérito preferente para o acceso á quenda de oficio dos colexios de avogados de Galicia.
A EscolaA Escola de Práctica Xurídica de Santiago é un centro de especialización profesional creado en 1981 baixo a dependencia da Universidade e dos Colexios de Avogados e de Procuradores de Santiago. os estudos para os que este xoves remata o prazo son a única formación destas características impartida en Galicia onde se produce a colaboración entre a Universidade e os colexios profesionais esixida pola Lei de Acceso a partir de finais de 2011. é, ao mesmo tempo, un dos programas máis completos e de calidade de todos os que se imparten no Estado.

The contents of this page were updated on 10.20.2009.