Skip to main content

Continúa na Igrexa a mostra 'Sólido, líquido, gaseoso. Galicia, terra e mar' do pintor Alexandro

Grandes figuras, cromatismo intenso, mestura de formas e cores recrean na Igrexa da Universidade a forza da Costa da Morte da man do artista ourensán Alexandro na exposición ‘Sólido, líquido, gaseoso. Galicia, terra e mar’. A produción que co organizan a USC e a Consellaría de Cultura permanecerá aberta ata o 29 de novembro.
Alexandro está considerado como un dos expoñentes máis orixinais do panorama artístico contemporáneo galego, cunha produción artística que abrangue a obra pictórica de gran formato ata a ilustración de libros e carteis promocionais. É, en opinión dos comisarios da mostra Cristina Carballedo e Miguel Santalices, un dos últimos representantes dunha xeración de artistas que xorden nos anos 70 en Ourense. Caracterízase “por un gran compromiso coa arte, liberado de condicionantes estéticos”.
A obra que chega á Igrexa da Universidade materializa a visión dun pintor nado nas terras do interior “pero que atopa a súa inspiración na luz, no mar e nas xentes de Muxía para mesturar o mellor dos dous mundos”, engaden os comisarios. Posúe ademais un gran poder de evocación “emanado desas enormes figuras que sobresaen das teas, como querendo tocar ao espectador que as contempla, para chegar ás súas emocións”.
Conforman a exposición un conxunto de obras que dan conta da expresión corporal que Alexandro elixiu na que, polo de agora, é a súa última etapa; óleos de gran formato onde as capas de pintura se superpoñen e constrúen texturas de cores primarias. A mostra “marca un punto de inflexión na súa traxectoria artística”, sinalan os comisarios, para engadir que o pintor afronta esta nova etapa “como unha carreira cara adiante”, sen perder a súa vinculación “cunha creación xestual cargada de forza vital, na que nunca nada está rematado, só son fiestras que permiten afondar nese espírito libre comprometido coa Arte”.
A exposición pode visitarse de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas de martes a sábado, e de 11:00 a 14:00 horas os domingos.

The contents of this page were updated on 10.21.2009.