Eduardo Varela-Cid, director de E-libro, fala en Filoloxía do presente e o futuro da edición electrónica
O fundador e director xeral de E-libro, a maior plataforma dixital de contidos académicos con máis de 100.000 títulos en inglés e castelán, visita a Facultade de Filoloxía este xoves para falar das perspectivas da edición electrónica. A conferencia será ás 12:00 horas no Salón de Actos do centro.
O escritor e editor arxentino de orixe galega, Eduardo Varela-Cid, foi tamén o fundador en 1999 da primeira editorial virtual en español ‘El Cid Editor’, con sede en Miami, logo da súa carreira política no Parlamento de Arxentina e no Parlamento Latinoamericano onde exerceu a vicepresidencia.
Na súa conferencia profundará nos retos da edición electrónica, cuxo principal cometido será conciliar dous intereses hoxe enfrontados como son, por unha banda, o acceso ao coñecemento e, por outra, o recoñecemento dos dereitos de autor aos investigadores, escritores e profesores.
Os asistentes á conferencia recibirán unha subscrición gratuíta aos fondos de e-Libro durante un mes.