O xerente de Uninova asiste en Brasil ao Foro Internacional de Innovación e Emprendemento
A Universidade de Santiago participa estes días en Brasil na 3ª Edición do ‘Foro Global de Innovación e Emprendemento’ representada polo xerente de Uninova, Gustavo Marcos, quen vai presentar neste encontro as particularidades de INBERSO, o Mercado Alternativo de Spin Off, e da Rede Emprendia, a rede iberoamericana universitaria de incubadoras de empresas que na actualidade preside o reitor da USC Senén Barro.
O foro, que se desenvolve ao longo de toda esta semana en Florianopolis, quere poñer de relevo a importancia da investigación e o desenvolvemento na xeración de riqueza e, polo tanto, na recuperación financeira.
Danse cita neste foro máis de 1.000 asistentes que participarán nos diferentes relatorios e workshops organizados baixo o eixo estrutural da innovación e o emprendemento, abordando aspectos relacionados cos procesos de incubación, programas de mentoring ou financiamento.
Outros temas de interese que se abordan neste foro internacional teñen que ver coas políticas de innovación, as principias accións a desenvolver para fortalecer as asociacións público-privadas, o papel desempeñado polas incubadoras de empresas, os principais tipos de inversión nas empresas innovadoras, o atractivo dos parques tecnolóxicos ou as estratexias de internacionalización.