Skip to main content

O Observatorio do Código Ético da USC celebrou a súa primeira xuntanza en Lugo

O Observatorio do Código Ético da USC avaliou o seu cumprimento
O Observatorio do Código Ético da USC avaliou o seu cumprimento
Os seus nove membros avaliaron o cumprimento deste código de padróns éticos de actuación da comunidade universitaria

O Observatorio do Código Ético da USC reuniuse este xoves por primeira vez na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, para avaliar o seu cumprimento.
Este Observatorio está presidido polo valedor da comunidade universitaria e formado ademais por representantes do Persoal Docente e Investigador, do Persoal de Administración e Servizos, do estudantado e do Consello Social.
No Consello de Goberno do pasado 26 de xuño de 2009 ratificouse a composición dos membros do Observatorio do Código Ético, que na actualidade son Florencio Arce Vázquez, Manuel Segura Ortega, Luís García Soto, Patricia Fernández de Troconiz Revuelta, María Jesús Sáinz Oses, María Isabel Fraga Vila, Xan Mariñas Liste, Inmaculada García Escourido e Enrique Feáns García.
Código ÉticoO Código Ético da USC, aprobado o 31 de maio de 2007, reúne un conxunto de principios, valores e normas referidos á actividade interna e á acción social da universidade, que expresan padróns éticos de actuación aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual e colectiva.
A adopción deste documento sirve á USC como carta de presentación perante a sociedade, cumprindo así cun triplo compromiso ético, o da universidade coa sociedade, da universidade co persoal universitario e entre o persoal universitario. Finalmente, o documento permite ofrecer á comunidade universitaria unha guía de actuación que sintetice e exprese en termos éticos o cadro regulamentario e legal vixente e que inspire e estimule o seu desenvolvemento.
Tal e como se recolle no seu texto articulado, “a forza obrigante do código reside no compromiso adquirido, de modo expreso e formal pola comunidade universitaria e, de modo implícito e en consciencia, polos seus membros que o asumen como referencia orientadora da súa conduta”. Neste senso, é aplicado “ás persoas e polas persoas que compoñen a USC: a propia universidade, xunto cos seus órganos e agrupacións, como persoas colectivas, e os distintos integrantes do persoal universitario, como persoas individuais”.
O Código articúlase nunha serie de epígrafes nos que se afonda na organización, actividade interna, funcionamento e acción social da Universidade; no exercicio das funcións, boas prácticas, dedicación ao traballo e condutas reprobables do persoal universitario, entre outros.

The contents of this page were updated on 10.29.2009.