Skip to main content

Xestionar eficazmente o tempo é posible

Partindo dunha aprendizaxe teórica que se complementará coa realización de exercicios prácticos e simulacións, Uniemprende organiza un curso para a ‘Xestión eficaz do tempo e do estrés’. Trátase dunha acción formativa que se vai celebrar os días 20 e 21 de abril na Aula de Proxectos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. A inscrición pode formalizarse ata o 14 de abril.
Catro son os bloques temáticos ao redor dos que se vertebra o curso, no que os participantes coñecerán a forma de xestionar mellor o tempo de traballo, o que á súa vez “redundará nunha maior eficacia profesional, manexar de xeito óptimo e conciliador a vida familiar e diminuír a tensión, a ansiedade e o estrés que un traballo mal xestionada pode provocar”, apuntan os promotores do curso.
Ao remate das dúas sesións programadas, que impartirá a psicóloga e directora de Recursos Humanos do Grupo Loida, Delia Frade, os participantes do curso estarán en disposición de realizar unha planificación real do traballo segundo a relación existente entre obxectivos, resultados e tempo, cambiar os seus hábitos inadecuados neste senso ou elixir aquelas metas que non deben esquecerse nunca ao xestionar o tempo. Ademais, o curso ofrecerá aos participantes habilidades precisas de organización e planificación orientadas a consecución de obxectivos definindo tamén accións de control que permitan paliar os efectos derivados dos “ladróns do tempo”.

The contents of this page were updated on 04.01.2009.