O investigador Juan Luis Fernández Lorenzo será o convidado do Café Científico este xoves en Lugo
Oprofesor do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago, Juan Luis Fernández Lorenzo, será o encargado de abrir este xoves 2 o quinto Café Científico meeting Point en Lugo para tratar o cultivo de árbores en tubo de ensaio. Será no Café do Pousadoiro, na rúa Pascual Veiga, ás 19:00 horas. Fernández Lorenzo é especialista en cultivo in vitro, marcadores bioquímicos da maduración e enraizamento e microinxerto de especies forestais.
Esta iniciativa, da que adoita celebrarse unha sesión ao mes, ten como finalidade tratar temas científicos de actualidade buscando abrir un novo espazo de comunicación entre o mundo da investigación e a sociedade, acercando a ciencia aos cidadáns para facela intelixible. Así, o café estará aberto a todos os interesados e buscará comunicar directamente e debater de forma aberta e próxima sobre ciencia, rompendo as distancias que crean outros foros de debate.
Esta actividade divulgativa está organizada pola sección ibérica da sociedade científica Sigma X, The Scientific Research Society, e coordinada polo seu presidente, Urbano Fra, tamén profesor da USC.