Skip to main content

O Festival dos Abrazos abre as súas portas no Colexio de Fonseca

A vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo, participou este xoves 30 na inauguración do Festival dos Abrazos, iniciativa na que colabora a USC e a través da que as prazas, rúas, parques e xardíns de Compostela converteranse en espazos para redescubrir, á luz dos diálogos que con eles establecen as creacións artísticas. No acto tamén interveu a concelleira de Cultura, Socorro García, así como responsables da iniciativa.
A presentación do festival celebrouse este xoves no Colexio de Fonseca da Universidade compostelá, onde tamén se inaugurou a exposición de fotografía ‘Retablos esenciais’ de Xulio Gil. Elvira Fidalgo destacou que a achega da USC pretende ofrecer á cidade e ao público en xeral un dos mellores recursos materiais da universidade compostelá, “os seus espazos”. A Universidade de Santiago “acolle esta iniciativa abrazando todas as propostas de interculturalidade que favorezan o intercambio e a relación entre culturas distintas”, engadiu Fidalgo.
Música, danza, circo, teatro, obradoiros, proxeccións audiovisuais, performances e arte dixital conforman a programación, que abarca desde pequenas intervencións de rúa a grandes concertos. A segunda edición do Festival dos Abrazos ocupará a cidade desde o 1 ao 29 de agosto, conxugando propostas artísticas de creadores galegos e internacionais.

The contents of this page were updated on 07.30.2009.