Skip to main content

Inaugurado o novo edificio docente Roberto Novoa Santos

nova
nova
Está emprazado como un anexo ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

O novo edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, emprazado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), inaugurouse este martes 21 nun acto presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro. As novas instalacións están chamadas a ser un referente dende o punto de vista das infraestruturas no campo da área sanitaria, segundo explicou Barro, para quen o novo edificio “é unha peza moi importante” do Campus de Ciencias da Saúde.
“Atopámonos nun momento clave –engadiu o reitor- dun proxecto moi ambicioso” que conducirá á USC a desenvolver un papel de relevancia no ámbito das ciencias e as tecnoloxías da vida. “Xa dispoñemos de importantes vimbias” proseguiu o reitor en referencia ao capital humano que actualmente traballa neste eido na institución académica compostelá e agora “hai que intensificar e incentivar a súa actividade a través das novas infraestruturas, como a inaugurada hoxe”.
Destacou tamén o reitor a importancia da colaboración con outras institucións, entre elas a Consellaría de Sanidade, xa que “compartir é mellor que competir porque implica colaborar”, feito de suma importancia para traballar con solvencia e desenvolver eficientemente as funcións que lle son propias á Universidade.
Na inauguración, celebrada no Salón de Actos do novo edificio anexo ao CHUS, interveu ademais o secretario xeral da Consellaría de Sanidade, Roberto López, subliñando a satisfacción da administración autonómica por poder contar con este edificio que vai potenciar a actividade investigadora e docente e o intercambio de coñecemento.
Ao acto tamén asistiron a xerente do CHUS, Rosa Bermejo; o vicedecano da Facultade de Medicina, David Araujo; a directora da Escola de Enfermaría, Mª Jesús Núñez; o presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira; a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo; o concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña Cadenas; así como un nutrido grupo de integrantes do consello de dirección da USC.
O edificio ten unha superficie de 5.240 metros cadrados distribuídos en cinco plantas das que dúas son de semisoto. Este espazo dedicado á docencia está dotado con seis aulas de 120 alumnos de capacidade, outras tantas de 48 postos, tres titorías, un seminario, unha aula magna para 342 persoas, unha biblioteca, cafetería e vestiario para o alumnado.
O arquitecto redactor do proxecto foi Miguel Pérez Moreiras, correspondéndolle a adxudicación da construción do edificio á empresa DRAGADOS SA. Para a súa execución foi necesario construír ao mesmo tempo un novo heliporto que posibilitase as manobras do helicóptero segundo a normativa de aviación civil. Estas obras foron contratadas pola USC á mesma empresa e súa construción foi realizada de maneira coordinada coa do edificio. Isto motivou retardar a execución das primeiras fases da obra, debido a que non se puido instalar grúas fixas por motivos de seguridade.

The contents of this page were updated on 07.21.2009.