Skip to main content

Unha investigadora da USC testa en Santiago novos sistemas para detectar pacientes con tendencia ás caídas

O traballo realizouno no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS
O traballo realizouno no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS

Mentres que de maneira global o equilibrio en suxeitos sans non empeora coa idade si o fan os límites de estabilidade, que se deterioran de maneira acusada a partir dos 40 ou 50 anos. Esta é unha das conclusións da tese doutoral da licenciada en Medicina e Cirurxía Ana Faraldo García que compara a posturografía dinámica computerizada e o Sway Star como sistemas avaliadores do equilibrio en persoas sas. O traballo realizouse no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS que dirixe Torcuato Labella.
A vertixe, o mareo e, en xeral, os trastornos do equilibrio son unha das alteracións coa que con máis frecuencia se enfrontan os médicos. Estímase que en España arredor dun 30% da poboación terá experimentado episodios de vertixe antes dos 65 anos (en Estados Unidos fálase de ata un 65% da poboación. Ademais, a estes pacientes hai que engadirlle un número importante de suxeitos que experimentan caídas a partir desa idade como consecuencia, directa ou indirecta, desas alteracións e que supoñen un grave problema, persoal, económico e social.
Coa tese, que dirixiron os profesores Sofía Santos Pérez e Andrés Soto Varela no Departamento de Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía da USC, pretendíase avaliar novos sistemas de medición do equilibrio que permitan previr esta clase de accidentes. Do seu estudo de campo concluíu que a utilización complementaria do Sway Star á rutinaria do posturógrafo permite unha máis precisa detección de pacientes con tendencia ás caídas, “o que reduciría de maneira notable este problema cun alto custe sociosanitario”, afirma Faraldo.
Problema comúnA posturografía dinámica computerizada é un sistema de análise do equilibrio baseado no rexistro e cuantificación dos desprazamentos do centro de gravidade. Achega información sobre a situación funcional do equilibrio do suxeito e permite analizar a contribución de tres sistemas sensoriais (visual, vestibular e propioceptivo) para a estabilización dese centro de gravidade. Pola súa banda, o Sway Star, a diferenza da posturografía dinámica computerizada, rexistra e analiza os desprazamentos do tronco nos planos ántero-posterior e lateral, cun deseño e portabilidade que permite o estudo do equilibrio dos suxeitos reproducindo diversas situacións da vida cotiá.
O estudo de Ana Faraldo realizouse en individuos sans, cunha idade media de 44,9 anos e sen antecedentes de patoloxía do equilibrio. A cada un deles realizóuselles a historia clínica, unha exploración física e un estudo postural cos dous sistemas mencionados, permitindo o Sway Star a análise de probas da marcha. Por iso e pola súa maior capacidade para reproducir situacións fisiolóxicas, argumenta a doutora, “poderían ser esas” as probas de elección para a detección de pacientes anciáns con tendencia ás caídas.

The contents of this page were updated on 07.17.2009.