Skip to main content

A USC abre o martes o prazo de matrícula no POP en Industrias Leiteiras, que se impartirá no Campus de Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela abre este martes 21 o prazo de matrícula para asistir á segunda edición do Programa Oficial de Posgrao en Industrias Leiteiras, posto en marcha en colaboración coa Universidade Agrocampus Ouest (Rennes-Francia), e que outorgará aos participantes o título de Máster en Industria e Economía Leiteira. O POP impartirase o próximo curso académico en Lugo, coordinado pola profesora da Escola Politécnica Superior Elvira López Mosquera, e outorgará aos participantes o título de Máster en Industria e Economía Leiteira.
O programa responde a unha demanda real do sector produtivo en Galicia, que require de dinamismo, innovación e transferencia de coñecementos, vitais para o seu desenvolvemento e competitividade a nivel estatal e europeo. De feito, Galicia supón máis do 35% da produción láctea total do país, pero existe un forte desequilibro entre a produción e a transformación, polo que a innovación na industria é fundamental.
En Lugo colaboran neste máster tres centros, a Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Aula de Produtos Lácteos. As titulacións de Enxeñeiro Técnico Agrícola na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias, a de Enxeñeiro Agrónomo na orientación de Industrias Agroalimentarias e a licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos é o estudantado ao que vai dirixido, aínda que está aberto a todas as titulacións afíns do sector.
ObxectivosO obxectivo xeral deste programa é aportar unha formación orientada á especialización profesional no campo da industria láctea e capacitar ao estudante para incorporarse a un posto de traballo desta especialidade. Ao ser realizado entre estes dous centros ten carácter interuniversitario o que significa, que ademais de favorecer a mobilidade de estudantes, supón a adquisición dun título conxunto entre a Universidade de Santiago de Compostela e Agrocampus Ouest de Rennes.
O máster estruturarase en catro módulos distribuídos ao longo de dous anos, cursando un total de 120 ECTS. O primeiro ano as clases teóricas e prácticas impartiranse en tres tardes por semana no Campus de Lugo. No segundo ano, no primeiro cuadrimestre haberá clases presenciais.
Os bloques de estudo centraranse na orixe e caracterización da materia prima, na tecnoloxía do leite e os produtos lácteos, a calidade e a seguridade alimentaria e a planificación, xestión e comercialización. Os módulos teóricos complementaranse con outras actividades pedagóxicas como o estudo dunha lingua, que pode ser o inglés ou o francés en Lugo e o español ou inglés en Rennes.
Os alumnos realizarán tamén, no segundo cuadrimestre do último ano, unha estadía dun mes ao finalizar o primeiro módulo nunha explotación, nunha empresa ou nun laboratorio. O período teórico rematará coa participación de tres meses nunha empresa. O alumno deberá elaborar finalemente un traballo e a súa defensa oral, Proxecto Fin de Máster.
Este Programa Oficial de Posgrao conta coa participación de máis de 80 profesores de distintas disciplinas enmarcadas na actividade de 21 departamentos da Universidade de Santiago de Compostela e do Departement Agroalimentaire do Agrocampus Rennes.
InvestigaciónTanto a USC como o centro francés contan con diferentes grupos de investigación punteiros que levan desenvolvendo proxectos que van dende a investigación básica ata os estudos máis aplicados a este sector produtivo.
Agrocampus Rennes, ou Instituto Nacional de Ensinanza Superior e de Investigación Agronómica e Agroalimentaria de Rennes, foi creado en xaneiro de 2004 para reagrupar a Escola Nacional Superior de Agronomía de Rennes (ENSAR), ao Instituto Nacional Superior de Formación Agroalimentaria (INSFA) e ao Instituto de Estudos Superiores de Industria e Economía Leiteiras.
As persoas interesadas en obter máis información sobre o POP poden facelo a través das webs da USC, http://www.usc.es/gl/perfis/estudantes/matricula/matricula.html e http://www.usc.es/posgrao/moinecle.

The contents of this page were updated on 07.20.2009.