Skip to main content

Investigadores do Idega acadan o IV Premio Luis Fina cun artigo sobre o desemprego rexional en España

Os investigadores Roberto Bande, Melchor Fernández e Víctor Montuenga, todos eles pertencentes ao Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) do Idega, veñen de ver recoñecido o seu labor científico ao acadar o principal galardón de investigación en economía laboral en España, o IV Premio Luis Fina, polo artigo ‘Regional unemployment in Spain: disparities, business cycle and wage setting’.
O obxectivo do premio, patrocinado polo Ministerio de Traballo e Inmigración, é recoñecer a excelencia na investigación teórica ou aplicada no campo da economía laboral española nos últimos dous anos.
A existencia e persistencia das disparidades rexionais na taxa de paro é un problema común de moitas economías europeas, situación que en España mostra un trazo característico como é “unha forte relación positiva co ciclo económico”, explican. Así, no documento investigan a relación entre este trazo distintivo da economía española e os cambios no mecanismo de fixación de salarios no ámbito rexional, e cómo isto influíu no conxunto do mercado de traballo español no pasado recente.
O traballo mostra como o mecanismo de determinación salarial, “moi condicionado pola estrutura da negociación colectiva”, ten efectos tanto a nivel agregado como territorialmente e pode explicar a existencia de “reaccións moi diferentes na taxa de paro rexionais ante os cambios de ciclo económico”, aclaran.
Aplicado á realidade actual, os investigadores predín un efecto sobre a taxa de paro menor en comunidades como a galega “xa que nas fases recesivas as diferenzas en produtividade entre territorios son moito menores que nas fases expansivas”. Por tanto, conclúen, as variacións salariais pouco vinculadas a variacións en produtividade e máis vinculadas a pagos relativos e efectos de imitación salarial teñen nas rexións menos dinámicas produtivamente un efecto sobre a creación/destrución de emprego menor que nas fases expansivas”.
O GAMEO Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) traballa dende 2002 no desenvolvemento e aplicación de modelos para entender a economía actual. Actualmente está formado por profesores e investigadores na súa maioría do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC, cos que colaboran outros das Universidades Autónoma de Barcelona, de La Rioja, Nápoles, Parthenope ou Aston Business School.
A súa actividade investigadora e docente céntrase ao redor de tres áreas principais como son Economía laboral, Economía internacional e Desenvolvemento rexional e modelos multisectoriais.
A Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia recoñeceu ao GAME pola súa investigación de excelencia e pola súa labor de grupo co ‘Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia’ para 2007-2008 coa finalidade de promover a colaboración con outros grupos competitivos e mellorar a creación e difusión de investigación de alto nivel.

The contents of this page were updated on 07.27.2009.