O Consello Galego de Universidades aproba que o Máster de Profesorado, que substituirá ao CAP, comece en xaneiro

O Consello Galego de Universidades acordou, no encontro celebrado na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, que o Máster en Profesorado –antigo CAP– comece no mes de xaneiro de 2010. Esta decisión inclúese dentro das medidas de flexibilización e incentivación educativa, que permitirán unha marxe de tempo para realizar a programación do máster, así como a selección de centros e o recoñecemento de titores para o practicum. No mes de setembro, publicarase no Diario Oficial de Galicia a orde que regule a convocatoria e a elección dos centros para realizar este practicum. Ademais, a consellaría comprometeuse a ampliar as 200 prazas previstas inicialmente para o conxunto das tres universidades, segundo os protocolos asinados no pasado mes de febreiro.
Na xuntanza, á que asistiron o reitor da USC, Senén Barro; da Coruña, José María Barja; de Vigo, Alberto Gago; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, acordouse que a autorización de másters e as titulación que se implantarán no curso 2010- 2011 serán tratados no Pleno do mes de setembro.
En relación cos calendarios de implantación das novas titulacións as posibilidades baralladas son múltiples, desde a implantación en bloque a curso por curso pasando por diversas combinacións.
Escola de EnfermaríaNo encontro universitario aprobouse que as catro escolas de Enfermaría de Galicia, entre elas a de Lugo, ata agora dependentes do Servizo Galego de Saúde, quedarán integradas nas Universidades co obxectivo de que teñan un plan de dotación, infraestruturas, orzamentos e respostas adaptado ás súas necesidades, sen as actuais disparidades nos centros en canto aos aspectos docentes e organizativos.
Díez de Castro tamén deu a coñecer os nomes dos novos representantes do Consello Galego de Cooperación e Desenvolvemento, que correrá a cargo da Universidade de Santiago.