Integrantes de Down Compostela realizan prácticas laborais na USC
A USC acolleu ao longo das últimas catro semanas a Raquel Mato, José Manuel Lence, Elías Ledo, Jesús Rey e Adrián Cutrín, integrantes da Fundación Down Compostela que o próximo venres 10 completan o seu período de prácticas do curso ‘Operario de tarefas de limpeza e apoio ao persoal”.
Neste tempo, os cinco mozos realizaron prácticas en distintas dependencias da Universidade de Santiago, logo dun período formativo previo desenvolvido pola Fundación Down Compostela co financiamento de Fundosa Social Consulting. O período de prácticas supuxo nalgún caso o primeiro contacto destes rapaces co mercado laboral ordinario.
O período práctico do curso desenvolveuse na Universidade de Santiago en base ao convenio asinado entre a institución académica e a Fundación a través do que a USC agarda “dar un paso máis dentro das súas propias propostas e accións de responsabilidade social e de cara a favorecer a inclusión e a normalización de diferentes colectivos”, subliñou o xerente da institución, Pedro García Moreno.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez, agradeceu á USC que ofrecese “a estes rapaces a oportunidade de demostrar todo o que son capaces, xa que a formación de que dispoñen lle permite desenvolver con éxito as tarefas encomendadas”.