Skip to main content

A USC deu a benvida en Santiago e Lugo aos estudantes estranxeiros

De esquerda a dereita, o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell Pintos; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato; a decana da facultade,...
De esquerda a dereita, o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell Pintos; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato; a decana da facultade,...

A USC organiza este martes 6 en Santiago un acto de benvida para os estudantes estranxeiros que este ano académico se achegan ás aulas dos Campus de Santiago e Lugo para cursar estudos. Trátase de alumnos pertencentes aos Programas Sócrates-Erasmus, Séneca-Sicue e de convenios bilaterais.
No Campus de Lugo, os alumnos foron recibidos no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria polo alcalde da cidade, José López Orozco; o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; a decana da facultade, Ana Mª Bravo del Moral; o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato; e o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell Pintos.
Xa en Santiago, a benvida está programada para as 17.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza do vicerreitor Agustín Merino; o director da Oficina de Relacións Exteriores da USC, Enrique López Veloso; o director xeral de Xuventude e Voluntariado e a concelleira delegada de Educación, Mercedes Rosón.
1.000 estudantes estranxeirosNo primeiro cuadrimestre a USC acollerá 1.000 estudantes, 850 no Campus de Santiago e 150 no de Lugo, a maioría procedentes de Italia, Alemaña, Francia e Polonia, en Europa, e de Brasil e México en América.
Na xornada estáselles a presentar a universidade á que chegan e os seus servizos ademais das respectivas cidades na que se establecerán durante o curso 2009-2010. Tamén daranse a coñecer os programas de inmersión cultural e social que ofrece a USC a través dos convenios coa Xunta e os Concellos de Santiago e Lugo cos que se fomenta a integración na vida cotiá e académica. Prestarase especial importancia ao programa europeo Volangteer, que facilitará a integración cultural de estudantes internacionais en Galicia a través de actividades de voluntariado.

The contents of this page were updated on 10.06.2009.