Skip to main content

Un investigador da USC defende unha Socioloxía Médica que describa as "redes ocultas" da psiquiatría en Galicia

A complexidade social na que se comunica a Enfermidade Mental Grave (EMG) en Galicia foi o eixo da tese doutoral do investigador da USC Manuel Torres Cubeiro que dirixiu Juan Luis Pintos de Cea Naharro. Nela defende a necesidade dunha Socioloxía Médica rigorosa e científica para describir as “redes ocultas” da psiquiatría en Galicia, dada a inexistencia de datos da súa incidencia no sector privado.
Os conceptos como enfermidade mental, tolemia, loucura ou trastorno psiquitátrico designan dende un punto de vista sociolóxico “paquetes” de relacións e expectativas, “non só estados do mundo, e dende logo non unicamente estados psicolóxicos dunha conciencia”, aclara o investigador.
Xa que logo, dende esa socioloxía, Manuel Torres tenta describir esa “rede complexa encerrada” na EMG en Galicia formada polas administracións “que alimentan ás institucións encargadas de xestionar a enfermidade dende o século XIX”.
Baseada en datos recollidos durante os últimos quince anos en Unidades de Saúde Mental, hospitais psiquiátricos e asociacións de familiares, a investigación profunda na “complexidade” da vida en contacto coa Enfermidade mental Grave, que se constitúe “nunha multitude de procesos sociais entrelazados que se comunican na expresión EMG, atribuíndoselle nela unha falsa realidade ontolóxica”, explica Torres.
TribunalO tribunal que lle outorgou o sobresaliente cum laude á tese ‘Orde social e loucura en Galicia’ estivo presidido polo xefe do Servizo de Psiquiatría do CHUS, Luís Ferrer; e composto ademais polos catedráticos de Socioloxía das Universidades Rey Juan Carlos de Madrid e Pública de Navarra, Octavio Uña e José Miguel Beriáin, respectivamente; e o profesor da USC Enrique Carretero.

The contents of this page were updated on 07.01.2009.