A Universidade estudará as características das vilas e portos galegos da Idade Media nun curso de verán en Noia
A Universidade de Santiago celebrará do 21 ao 24 de xullo en Noia o curso ‘Vilas e portos na fachada cántabro-atlántica, séculos XII-XVI’, dirixido por Elisa Ferreira Friegue. Trátase dun seminario co que se pretende achegar aos asistentes o fenómeno urbano da Galicia mariñeira da Idade Media, dentro do contexto do Golfo de Biscaia e a costa atlántica.
O programa, de 15 horas lectivas, inclúe un enfoque multidisciplinar da temática do curso. Así, os aspectos a tratar analizaranse desde unha perspectiva política, económica, artística, relixiosa.
A taxa xeral de matrícula para este curso, que se desenvolverá na Casa da Cultura e no Teatro Noela ata o 24 de xullo, é de 70 euros. Existe un prezo reducido, de 40 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 10 de xullo), xa está aberto.